Os obradoiros Curso Anual e Cine Exprés do Cineclube Pontevedra están orientados a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos.
Dado que moitas das nosas relacións interpersoais están baseadas na comunicación audiovisual, propoñémonos achegar a mozas e mozos a este xeito de comunicarse. Canda eles, procuraremos desenvolver o seu potencial expresivo, comunicativo e creativo a través do cine. Primaremos ao longo de todo o proceso a estimulación de mecanismos internos que lles permitan romper cos estereotipos e clixés albergados na súa propia cultura audiovisual, ao tempo que traballamos dinámicas que esperten a imaxinación e que desenvolvan o seu potencial creativo.

Curso Anual
- Un día á semana (tardes do mércores, xoves ou venres). - Realización de guións e aprendizaxe de diferentes técnicas de gravación. - Manexo de cámara de cine e fotográfica. - Super 8 e animación. - Son: manexo de micrófono e gravadora. - Efectos especiais. - Montaxe con computador. - Prezo: 15€ por nena/neno.

Cine Exprés
- Dous/tres días na aula ou no horario de extraescolares. - Realización dun guión e gravación dunha curta. - Proxección da curta. - DVD final para o centro coa recompilación do material realizado. - Prezo: 300 € (taller de 2 días) / 400€ (taller de 3 días).
Obxectivos:
- Favorecer a autoestima.
- Complementar a alfabetización audiovisual das persoas participantes.
- Traballar sobre estereotipos e clixés da cultura audiovisual.
- Espertar o espírito creador, favorecendo, a partir do medio cinematográfico, o enriquecemento das propias vías de expresión.
- Potenciar a experimentación e espertar a imaxinación.
- Crear un espazo de traballo grupal, no cal se favoreza e respecte a expresión individual.

Descarga o dossier completo.